As últimas novas da Zona Wifi (vol. 53)
A chorar... á Axencia Española de Protección de Datos. Segundo acto
Tal como vos adiantei no volume 46, fun chorar á AEPD pola miña conta de Instagram. Estas semanas tiven novas!
META púxose en contacto comigo en resposta á miña denuncia; solicitáronme un correo electrónico ao que contactarme que NON teña sido dado de alta nas súas plataformas, así que entreguei o correo electrónico laboral.
Como resposta (automática), recibín outro correo no que me solicitaban un paso que xa dera: o de facerme unha foto na que se vise a miña cara, xunto cun código numérico escrito a man (o código estaba no correo) e indicar se tiña selfies na miña conta para tratar de montar a veracidade da reclamación. Eu so pedía eliminar a autenticación de dous factores, xa que usuario e contrasinal xa os sabía!
Cheo de razón, armei unha resposta aportando datos: correo electrónico ligado á conta, data da conta, mesmo lle pedín á miña parella buscar os meus selfies na conta conxelada e enviarme as ligazóns!
Á volta de Semana Santa contactaron comigo de novo, agora si, para pedirme que introducese usuario e contrasinal, xunto cun código de seguridade de oito cifras.
E agora si. Volvo a ter activa a conta de Instagram. E si, volverei a poñer as clásicas fotografías de “so tiñas un p*to traballo”.
En fin, envíalle esta historia a alguén que teña a conta bloqueda. Igual é de axuda
Velaquí algunhas cousas que vin esta semana.
Se tes un mac con procesadores novos, estas de noraboa: Stable Diffusion a pleno rendemento a través da app Diffusers de Hugging Face, con personalización moi alta. Non minto se esta app vai camiño de ser a miña aplicación favorita do mes (a favorita do ano, se non cambia a cousa, será Poe).
Feliz domingo. Hai seis anos era Domingo de Ramos, e fun moi feliz. Collía en brazos a unha das persoas que máis quero nesta vida.