As últimas novas da Zona Wifi (vol. 54)
O boom da formación en intelixencia artificial (sen programar)
Todo o mundo tecnolóxico está a pivotar arredor da intelixencia artificial. Das grandes tecnolóxicas, tan so Apple non parece ter unha estratexia definida sobre este boom/hype/revolución/estafa da intelixencia artificial. É, cando menos, curioso, xa que Siri debutou en 2011 e segue a facer o mesmo que entón: dar a hora, poñer unha alarma e facer unha conta atrás. Así como os seus procesadores son bestiais, o seu software semella adormecido.
A ver, igual me sorprenden na WDC en xuño, pero todo apunta a que presentarán as gafas de realidade virtual / realidade aumentada / realidade mixta que custarán un ollo da cara.
People talking about artificial intelligence, style El Greco. coa axuda de Diffusers.
Todo o mundo tecnolóxico está a pivotar sobre a IA. Os “criptobros” agora son os especialistas en enxeñería de peticións, e así poderíamos seguir falando. O caso é que sabes que hai un boom sobre un tema cando chegan os vendedores de picos e pás ao mercado.
Si, estou a falar da formación en IA.
E si, tamén estou a meter o pezuño. A Uvigo acaba de lanzar unha pequena formación de dez horas para abordar a “Introdución ao uso de intelixencia artificial xenerativa na docencia e investigación universitaria”. Un curso gratuíto para docentes e investigadores da casa na que traballo, e que comparte temario - aínda que especializado no caso académico - con moitos cursos de formación que atopas por aí adiante.
Cursos de menos horas, e bastante máis caros. Aquí vai un exemplo.
Dende logo, non é xusto pedir a democratización da tecnoloxía e elitizar a formación sobre a mesma.
Xa vos contarei como sae a experiencia (porque, polo que me contan algúns compañeiros, hai bastante lista de agarda, así que entendo que se levará acabo) en xuño. En parte, ratiños de laboratorio (sería a primeira formación “en serio” sobre este tema”, e en parte afortunados/as (tamén eu) polo tremendo poder igualatorio destas tecnoloxías.
Xa temos asitente de código aberto. O proxecto LAION acaba de lanzar en aberto Open Assistant, que promete bastante.
E xa temos as primeiras instalacións en local (windows, mac e linux) baseadas no modelo de Meta, llama. Podes descargar e instalar a solución aquí, pero xa che adianto que o galego non o leva moi alá.
https://twitter.com/XabierRolan/status/1648795245474201603
Turra sobre IA aparte (da que teño máis novidades, pero hai que ir dosificando, eh!), aquí van outro recurso útil: coñeces neeva, o buscador libre de anuncios e de trackeos? Están detrás ex-empregados de Google (o buscador).
Ale, a estouzar. Feliz domingo.