Pero NINGÚN tan cruento coma o físico.
Asuntos graves os que tecen no centro de Europa. Xa non son “tambores de guerra”, aínda que eu quería aproveitar para falar da parte dixital. Antes do inicio do conflito, a UE viña de enviar a seis técnicos expertos en ciberterrorismo para axudar a Ucrania. Pouca broma, Rusia é unha superpotencia en ciberameazas.
E xa está ben de equidistancia. NON Á GUERRA.
A pesares da breve distancia no tempo, este escenario de guerra dixital foi inimaxinable na última guerra acontecida en Europa (anos ‘90s, Balcáns…), mesmo na ocupación do Iraque, Afganistán… e pinta que os futuros conflitos bélicos terán tanto ou máis de ciberataques que de soldados no frente de batalla.
Tamén vos digo que… menos mal que xa case non consumo contidos en redes sociais. O xoves en Facebook e flipei con como, na mesma conversa, se podía estar en contra de USA, a favor de Rusia, en contra do ataque a Ucrania e cuestionando a lexitimidade deste país. Na misma conversa. As mesmas persoas.
Por certo, e para rematar con este tema, recentemente dende a Universidade pedíronnos apagar todos os esquipos non esenciais por recomendación do Centro Criptolóxico Nacional.
INNOVACIÓN. E se a innovación estivese a ser freada… polas grandes tecnolóxicas? Interesante punto de vista este artigo da revista do MIT, que culpa ás grandes texnolóxicas de ser un freo á revolusión na innovación dixital. Pon varios exemplos na palestra, coma o desenvolvemento dos asistentes de voz, freado de forma interesada durante anos.
É un planteamento que comparto se analizamos a evolución, por exemplo, dos trebellos portátiles, onde levamos anos sen grandes innovacións. A ver, que non fai falla ter un “killer iphone” todos os anos, pero un teléfono de mediados da década pasada fai o mesmo ca un teléfono de 2022.
BOTS. Twitter parece que comeza a tomar en serio a automatización de contidos e os bots, e agora propón marcar os que eles consideran #BotsBuenos. Como iniciativa, xenial, aínda que cae no simplismo de categorizar como “bo” ou “malo” aplicando o criterio que lles vén en gana. Hai algún bot que me parece máis necesario cós que teñen marcado, pero non quero “disparar” aínda…
TIPS. Esta fórmula para aforrar ram (xa a comentei nalgún envío anterior) segue a ser unha estupenda fórmula para equipos con 8Gb ou menos.
Mundo Apple
Ligado ao punto anterior, esta semana descubrín Multi, unha app para crear webapps de escritorio moi lixeiras. Un exemplo: whatsapp consumía 1,2Gb de ram, e agora, con Multi, 500Mb. Case nada!
Gustoume esta reflexión sobre a necesidade dun equipo portátil de 16 polgadas que non sexa tan potente. Non todos precisan a potencia dos “pro”, pero si que se agradecerían pantallas máis grandes. Aquí un interesado!
Audiocousas
Así sona a nova voz de Siri. Ao parecer, esta é unha quinta voz nin masculina, nin feminina (poderíamos dicir “non binaria”?), que acentúa o debate - por ausencia - do nesgo de xénero dos asistentes de voz.
Academiña
Un equipo de investigadores dá co xeito de identificar mellor que textos son feitos por humanos e cales están feitos por máquinas. Será útil para mellorar as IA que están detrás da redacción automática de textos. Bah, agora en serio, o texto aborda con bastante xeito o contexto da investigación, merece a pena.
Caixón de-sastre
Ao parecer, iso de que a vida pasa por diante dos teus ollos cando estás a punto de morrer podería ser certo. Cientificamente.
O que fora o ídolo dos liberais na pasada década é agora o que pode poñerlle coto a Facebook en Europa. Si, amigas, Nick Clegg estaba vivo!
E ata aquí. Feliz domingo, dende a comodidade da Vella Europa Occidental.