Dicía Anxo López na súa derradeira newsletter “Aprendizajes” que “Empezar un proyecto es difícil, acabarlo es necesario”.
Un referente en todos os sentidos. O único papel que teño impreso e pegado no meu taboleiro é un lembrete sobre as emocións humanas, tan necesario como fácil de esquecer.
Estas son as derradeiras novas da Zona Wifi. Xa levabas un ano sen recibilas no teu correo, pero nunca me despedira formalmente.
Unha vantaxe lingüística do galego é que na nosa lingua temos diferentes formas de dicir último. Mentres “último” é o final dunha serie ou secuencia, “derradeiro” é un final definitivo. Se cadra Xesús tivo moitas “útima cea”, pero a que sae retratada nos óleos é a “derradeira cea”.
Unha vez, nunha entrevista radiofónica (non lembro quen foi) alguén dicía que cada día morrían centos de linguas diferentes. Cada parella ou amizade que se extingue deixa tras de si un código lingüístico propio - compartido por esas persoas - que non se volve a empregar máis, que desaparece.
Dalgunha maneira, pese ao carácter dixital da nosa pegada en internet, este boletín tamén desaparecerá.
So quería despedirme como é debido. Agradecendo que cada un/ha de vos tivesedes uns segundos (ou minutos) cada domingo para ler o correo e me deixasedes entrar nas vosas vidas para ler as cousas que me pasaron pola cabeza de xeito fugaz cada semana.
Grazas polo voso tempo. Feliz domingo.
Nas liñas do tempo ás veces quedan marcas e, como os aneis nos toros das árbores, fan a vida máis robusta. Grazas! 🥰
Obrigado por compartires todo este tempo e palavras connosco. Até sempre!